Pantón acolle diversas actividades musicais, culturais e de ocio durante o verán
O Concello de Pantón dá a coñecer a actividade que a Concellería de Cultura programa para os meses de xullo de agosto. Tendo como escenarios principais a Praza do Concello e a Casa da Cultura, contarase con teatro, actuacións musicais, monólogos e propostas de humor, ademais de diferentes actividades do Programa 'Ler conta moito'.
Lila Teatro representará a partir das 23.00 horas do 5 de xullo na Praza do Concello a obra 'Diógenes 23' e o día 12 actuarán Paty Lesta; The Hits, cuarteto formado por voz, piano, contrabaixo e batería que repasará en concerto algúns dos hits que marcaron a historia da música con artistas como Joe Cocker, Michael Jackson, Tina Turner, Luz Casal, Elvis Presley, Queen ou Police.
A Praza do Concello volverá a encherse de música o 19 de xullo ás 23.00 horas con Iria Estévez e a seu repertorio de fados en 'De Amalia a Chavela'. Un día despois, o 20 de xullo, regresan as representacións teatrais, Teatro ó Cubo representará desde as 22.30 horas na Praza do Concello, A Utópica Rodante 'De Vilatriste a Vilalegre'.
A programación cultural no mes de xullo complétase con dúas propostas, que terán lugar os días 23 e 24 de xullo. Na primeira xornada contarase cunha actividade do programa Ler conta moito ás 11.30 horas na casa da cultura, na que a Compañía Garabullos porá en escea 'Pirula e o misterio das abellas'. O día 24 o cantante e compositor galego Roi Casal, ofrecerá ás 23.00 horas na Praza do Concello, o espectáculo 'Xira ambos mundos'.
A programación de agosto ábrese o día 2 cunha nova actividade do programa Ler conta moito ás 11.30 horas na casa da cultura, cando a narradora e titireteira, Carmen Domech, achega aos nenos e nenas de Pantón, 'Onde viven os monstros'. Mentres, o 9 de agosto, o actor, humorista e monologuista, Alberte Montes, ofrece o seu monólogo, 'Patrón', ás 22.00 horas na Praza do Concello.
A ilustradora e autora de cómics, Bea Lema, chega o 16 de agosto ás 11.30 horas á casa da cultura, co programa Ler conta moito, e a súa proposta 'Ilustración con tecido e fío'. E o Verán Cultural e Pantón rematará o 23 de agosto con Xograres de Lemos ofrecerá música de baile desde as 22.00 horas na Praza do Concello.
“Esta programación cultural para os meses de xullo e agosto completarase coas nosas Festas Pantronais e con citas de referencia no noso concello como Trece Roeis ou a Rota do Románico de Pantón que aínda ten actividades durante este mes. Ademais desde este 1 de xullo temos os Campamentos de Verán co servizo madruga para favorecer a concilicición e este 2 de xullo abrimos as piscinas. Con todo queremos que veciños e visitantes teñan en Pantón durante estes meses as alternativas de lecer que buscan”, asegura o alcalde, José Luis Álvarez.