Pantón acolle a exposición de fotografía 'Anatomía do lume' de Tomás Rodríguez
A Casa de Cultura de Ferreira de Pantón acolle ata o vindeiro 5 de setembro a exposición de fotografía 'Anatomía do lume' de Tomás Rodríguez, bombeiro forestal.
Na exposición, composta de 20 fotografías, abórdase o mundo dos incendios desde unha perspectiva diferente a habitual, porque o autor é un profesional da extinción de incendios, de feito, todas as imaxes están captadas coa cámara do seu móbil durante o seu traballo nos lumes.
A súa peculiar e intimista visión dos lumes deste monfortino, de portas cara dentro, resulta interesante e ilustrativa, amosando cun incendio é moito máis ca chamas e sirenas. "Un incendio son esperas, corta-lumes, cansazo, impotencia, accidentes, compañeirismo e un ollar cara o ceo na busca de sinais de choiva".
Esta é a realidade que Tomás mostra nestas fotografías, unha realidade á que desde hai anos se enfronta cos seus compañeiros da CE- 06 de Manzaneda, protagonistas tamén desta exposición.