Pantón abre este sábado as portas do seu I Mercado de Nadal

Pantón inaugura este sábado o seu primeiro Mercado de Nadal, que se celebrará durante toda a fin de semana na Praza do Concello. Durante este sábado e domingo, 3 e 4 de xaneiro, haberá postos de antigüidades, artesanía, alimentación, xoguetes ou complementos, así como obradoiros e actividades dirixidas aos pequenos. Os postos estarán abertos ao público de 11:00 a 19:00 horas ambos días.
Entre outras actividades, o sábado ás 11:00 horas no Centro Sociocultural terá lugar o espectáculo infantil “Filipa cos Contos”, a cargo da Compañía Bandullo Azul, unha iniciativa promovida pola Mesa Lemos que busca fomentar o uso do galego entre os máis pequenos e achegarse ao público para dar visibilidade ao seu traballo nos concellos do sur de Lugo. Durante o mercadiño repartirase material en galego, como libros, láminas para colorear e adhesivos.
O espectáculo combina narración oral, música e cancións en directo, con dous narradores: Fran, actor e contador, e a súa boneca Filipa. Xuntos presentan historias tradicionais, contos populares, relatos de autores galegos e contos inventados, animando á participación de toda a familia.