Pacto Frente Eólicos pide investigar actuacións relacionadasa cun proxecto de construcción dun parque eólico no Saviñao

O grupo Pacto Frente Eólicos e persoas afectadas por un proxecto de enerxía eólica presentaron ante a Fiscalía Anticorrupción e Antifraude unha solicitude para que se investiguen actuacións relacionadas coa mediación levada a cabo polo alcalde e a empresa contratista do proxecto de construcción dun parque eólico no Saviñao, así como con unha familia afectada.
Segundo a denuncia, durante a mediación realizáronse actuacións no despacho do alcalde que, na súa opinión, “poderían ser consideradas un posible delito de tráfico de influencias”, cuestión que corresponde avaliar en exclusiva ao Ministerio Fiscal.
O documento remitido á Fiscalía pide determinar se a intervención de funcionarios públicos, así como outros incidentes detallados que afectaron a máis persoas dentro da administración local, puido constituír un “abuso dos seus cargos institucionais para influír na decisión da familia con respecto á sinatura de certas condicións propostas pola empresa”.
Desde o colectivo informaron que intentaron obter unha resposta do alcalde sobre esta situación, pero non recibiron contestación.
Ademais, na denuncia recóllense supostos vínculos ou circunstancias doutros cargos públicos que, segundo os solicitantes, poderían xerar un posible conflito de intereses ou un eventual beneficio derivado da posta en marcha dos parques eólicos. Por iso, solicitan que se investigue se estas situacións son compatibles coa normativa vixente e cos supostos previstos no Código Penal.
O grupo destacou que toda a información foi facilitada á Fiscalía co obxectivo de “facilitar unha investigación exhaustiva e esclarecer os feitos” e manifestou a súa disposición a cooperar coas autoridades competentes e a proporcionar calquera información adicional que poida ser relevante.