Pacto Frente a Eólicos denuncia a falta de información sobre o novo proxecto de Ferroedo por parte dos concellos afectados

RibeiraSacraXa
A plataforma critica que desde os concellos de Bóveda e O Saviñao non se informase previamente á veciñanza sobre a tramitación dun proxecto que contempla a instalación de oito aeroxeradores na Serra das Penas
Imaxe recurso de eólicos
16 Jan 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado venres 9 de xaneiro o acordo polo que se somete a información pública a solicitude dun novo proxecto de parque eólico, denominado Ferroedo, previsto nos concellos lucenses de Bóveda e O Saviñao.

O anuncio fai referencia á solicitude de autorización administrativa previa, á autorización administrativa de construción e ao estudo de impacto ambiental do parque eólico Ferroedo. O proxecto contempla unha potencia instalada de 36 megavatios, cunha potencia evacuable de 33,6, e a instalación de oito aeroxeradores na Serra das Penas. A produción neta anual estimada sería de 93,6 GWh, cun orzamento de execución que ascende a 39,26 millóns de euros.

Tras a publicación do acordo, a plataforma Pacto Frente a Eólicos denunciou publicamente a falta de información á cidadanía por parte dos concellos afectados. Segundo o colectivo, nos canles habituais de difusión municipal, incluídos os informais como o “boca a boca”, non se informou previamente á veciñanza de O Saviñao e Bóveda sobre a tramitación deste proxecto.

A plataforma explica que foron algúns residentes quen, tras coñecer a noticia a través da prensa, acudiron aos concellos para solicitar información ou consultar a documentación do proceso. No caso de O Saviñao, aseguran que a resposta recibida foi literalmente “busca o BOE”, unha contestación que consideran inaceptable nun municipio cunha poboación cada vez máis envellecida e onde o consistorio debería actuar como espazo de atención e información veciñal.

Pacto Frente a Eólicos lembra ademais o precedente do proxecto eólico Nebreiro, no ano 2024, que finalmente non se levou a cabo debido á oposición veciñal e ás alegacións presentadas por diversas irregularidades. Segundo a plataforma, naquela altura o alcalde de O Saviñao amosou un interese activo en informar persoalmente sobre o proxecto, unha actitude que contrasta, ao seu xuízo, coa “omisión e falta de atención” que denuncian no caso do parque eólico Ferroedo.

⚙ Configurar cookies
0.089730978012085