Óscar Ibáñez & Tribo clausuran a súa xira de verán en Quiroga

RibeiraSacraXa
O concerto deste sábado forma parte da celebración do 20 aniversario da banda e servirá para presentar o novo espectáculo ‘Tribal’
oscar-ibañez-imaxe-manuel-pires
Imaxe de Manuel Pires
26 Sep 2025

O gaiteiro e frautista Óscar Ibáñez e o grupo Tribo rematan a súa xira estival este sábado, 27 de setembro, en Quiroga. Como peche dunha xira de 25 concertos por Galicia, o resto de España, Portugal e Italia, a formación de 12 artistas subirá ao escenario do Auditorio Municipal.

O concerto forma parte da celebración do 20 aniversario da banda e servirá para presentar o novo espectáculo ‘Tribal’, no que se combinan creacións recentes con temas destacados dos seus traballos discográficos, nunha viaxe sonora na que predomina o son celta.

Ibáñez conta cunha traxectoria que abrangue a interpretación como gaiteiro e frautista, a docencia en escolas e centros de Galicia, Latinoamérica, Estados Unidos e Europa, e a investigación, con publicacións sobre Os Montes de Lugo, o gaiteiro José Pousada ou Xoán Tilve. Participou nos principais certames de gaita galega, nos que acadou máis de 40 premios.

No escenario estará acompañado por recoñecidos músicos con longa traxectoria: Harry (violín), Fernando Fraga (acordeón), Xosé Liz (bouzouki), Paco Dicenta (baixo), Leandro Deltell (percusión/batería), Teresa Gómez (zanfona), Carla Villanueva (xilófono) e catro gaiteiros da Banda de Gaitas Suevia.

O concerto, con entrada de balde, comezará ás 19:30 horas. Está organizado polo Concello de Quiroga e conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo.

⚙ Configurar cookies
0.098487854003906