Os viños da Ribeira Sacra promóvense no Salón Gourmets

RibeiraSacraXa
A Denominación de Orixe contará cun stand dentro do espazo institucional da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
vendimia-viñedos-ribeira-sacra
10 Apr 2026

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra estará presente na 39ª edición do Salón Gourmets, que se celebrará do 13 ao 16 de abril en IFEMA (Madrid). A representación da denominación situarase no pavillón 6 (stand 6G10-2), dentro do espazo institucional da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL).

Este certame, considerado unha das principais citas dedicadas aos produtos de alimentación e bebidas de alta gama, reúne profesionais do sector como distribuidores, hostaleiros, tendas especializadas e prensa técnica.

A participación da D.O. Ribeira Sacra enmárcase na súa estratexia de promoción e apoio ás adegas inscritas, facilitando o contacto dos seus viños con mercados nacionais e internacionais. Ademais, busca poñer en valor a relación entre o territorio e o carácter dos seus viños, marcados polas condicións xeográficas e as prácticas de viticultura propias da zona.

No espazo da denominación habilitarase un Túnel do Viño con 25 mostras, que incluirán brancos elaborados coa variedade Godello en diferentes anadas e estilos, así como unha selección de tintos encabezados pola Mencía, xunto con outras elaboracións como Brancellao Barrica e Tinto Summum.

A atención no stand e o desenvolvemento das actividades estarán coordinados por Ruth Fernández Vidal. Dentro da programación, o 14 de abril participarase nun curso de formación de embaixadores de viños de pequenas denominacións, mentres que o 15 de abril celebrarase unha cata comentada dirixida a profesionais do sector, na que se analizarán as variedades autóctonas e os factores que inflúen na produción vitivinícola da Ribeira Sacra.

0.11635494232178