Os viais e beirarrúas do Polígono dos Acivros de Chantada está a ser mellorado para acoller seis empresas
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros en compaña de Iñaki Castiñeira, presidente da Asociación de empresarios de Chantada-CCA Ribeira Sacra, para coñecer como se están desenvolvendo as labores de limpeza que a administración local está levando a cabo en viais e beirarrúas.
Durante o encontro analizaron a alta demanda de parcelas deste parque empresarial, xa que na actualidade seis empresas locais están construíndo as súas naves en parte das parcelas que estaban libres.
Manuel Lorenzo Varela asegura que “é un feito histórico para Chantada que se instalen seis empresas ao mesmo tempo e todas elas de sectores distintos. Na actualidade o polígono chantadino é o que experimenta un maior crecemento na provincia de Lugo con respecto ao número de habitantes".
O rexedor local informou de que se estaban levando a cabo os trámites necesarios para, no menor prazo de tempo posible, realizar a ampliación do polígono e seguir dotándoo de sinalizacións identificativas nos accesos á área industrial: “O ritmo do polígono vai moi ben, estanse esgotando as parcelas, quedan 3 ou 4 por vender. Desde o Concello estamos traballando a marchas forzadas para facer as ampliacións pertinentes. Ampliaremos cara a N- 540 para darlle máis visibilidade ao Polígono e ampliaremos por detrás de onde se fixo a segunda fase”, explica o alcalde.
O Concello de Chantada faise cargo de tódolos servizos do Polígono dos Acivros, alcantarillado, alumeado, rúas e beirarrúas. O ano pasado a Xunta de Galicia e o Concello destinaban 1.300.000 euros á mellora do subministro eléctrico desde a subestación de Vilela, en Merlán, “co que o Polígono ten capacidade eléctrica para multiplicarse por 3”, asegura o alcalde.
O Polígono Industrial dos Acivros púxose en marcha en 1986 cunha primeira fase que fixo Sigalsa e da que queda por vender unha parcela de máis de 8.000 metros cadrados. A segunda fase fíxoa Suplusa a través da Deputación Provincial e despois das últimas vendas, quedarían 3 parcelas por vender.