Os veciños de Parteme denuncian que o alcalde de Quiroga minte ao dicir que "todo está ben"

RibeiraSacraXa
Os veciños de Parteme denuncian que o alcalde de Quiroga minte ao dicir que "todo está ben" cando consideran que non é así
Peche da parroquia de Parteme quiroga
5 Abr 2023

Os veciños da parroquia de Parteme, de Quiroga, denuncian que o alcalde do municipio, Julio Álvarez Núñez, dixo na Televisión de Quiroga que todo estaba ben tras as últimas obras que se fixeron, cando para eles, non o está.

Din que "verter formigón na rúa que mellor estaba do pobo por levar a contraria á Asociación de Veciños e deixar durante cinco días aos veciños bloqueados sen poder entrar e saír nos seus coches" non é "estar todo ben".

Os veciños explican que coa única veciña que falou recriminoulle que a parte baixa do pobo estaba en mal estado e que xusto para reparala "foi concedida unha partida do Plan Único 2022 da Deputación de Lugo para a súa reparación, pero a día de hoxe non se executou nin sabemos se se perdeu ou que se fixo con ela".

"Queremos que a xente saiba que o pobo de Parteme segue con problemas, seguen sen escoitar as súas demandas e seguen sen respectar á xente con este comportamento. Tanto o alcalde como o pedáneo do pobo están a ter un comportamento totalmente inaceptable, facendo un dano moi grande ao pobo de Parteme", argumentan.