Os veciños de Chantada denuncian que algunhas beirarrúas están cheas de excrementos
O PSOE de Chantada pide ao Concello que limpe os espazos públicos, como rúas e beirarrúas, xa que durante a época de verán, "requírese unha frecuencia de limpeza maior", sosteñen.
“Os veciños e veciñas trasládannos a súa preocupación polo estado dalgunhas beirarrúas, cheas por exemplo de excrementos de paxaros”, trasladan os socialistas, que apuntan que non só preocupa a imaxe de deixadez que transmite a falta de limpeza aos turistas, senón que, especialmente, preocupan os problemas de salubridade que isto causa para todas e todos.
Dende o PSOE chantadino trasladan a necesidade de levar a cabo as tarefas de limpeza necesarias, “sen esquecer así mesmo un tratamento racional da auga que sempre se debe de manter, máis aínda na época de seca na que estamos”. Noutros concellos, para tarefas de limpeza emprégase auga non potable, para non malgastar as reservas hídricas da auga apta para o consumo.