Os veciños de Chantada denuncian a falta de persoal no centro de saúde e no PAC
A plataforma Chantada Quere Sanidade convocou unha xuntanza coa veciñanza no Casino para demandar unha mellora nos servizos sanitarios do Centro de Saúde da vila e no Hospital comarcal de Monforte.
Segundo o colectivo, os problemas cos que acotío se atopan os usuarios foron medrando co tempo. Deste xeito, sinalan a existencia fai anos dun centro médico onde o ratio médico-paciente era aceptable fronte á actualidade na que tras as xubilacións pecháronse consultas, mesmo de especialidades como pediatría. Esta situación provocou que menos profesionais se tivesen que facerse cargo de máis pacientes, restando con ao servizo calidade.
A plataforma tamén asegura que non se cobren as baixas do persoal médico nin as vacacións, ocasionando a saturación dos compañeiros que se atopan traballando nese momento. Nestas circunstancias, aseguran que existen consultas nas que se atenden nunha xornada a máis de 70 persoas, ás que os seus médicos non poden dedicar máis de 7 minutos, segundo estipula a Administración. “Un tempo de atención claramente insuficiente, especialmente para unha poboación avellentada como é a desta comarca”, defenden.
Falta de persoal no PAC
Dende Chantada Quere Sanidade alertar de que nas últimas semanas se agravou a problemática de falta de persoal nas consultas de medicina de familia cuxa situación xa era crítica e que mesmo o Punto de Atención Continuada (PAC) estivo sen persoal médico dende a primeira hora da tarde e ata ben entrada a madrugada do día seguinte.
Desta maneira, tamén denuncian a situación da área sanitaria do sur de Lugo. “No Hospital de Monforte o persoal médico é cada vez mais escaso e mesmo especialidades como Dixestivo, Rehabilitación non contan con profesionais no centro polo que os pacientes son derivados a outras consultas”. Manteñen que algúns especialistas son trasladados dende outros hospitais o que debilita o tecido sanitario e mesmo merma os recursos”. Para eles as condicións laborais son outro dos problemas: “Tampouco son boas e non fan atractivo a profesionais de fóra asentarse na comarca”.
A plataforma presentou a estratexia para reclamar unha mellor atención sanitaria, que comezaría por dotar ao centro de saúde de máis profesionais, cubrir ausencias dos profesionais ben sexan temporais ou definitivas como é o caso das xubilacións, que non desaparezan as consultas ou incluso se incrementen para recuperar un ratio médico/enfermeiro-paciente óptimo que permita dedicar o tempo axeitado a cada doente. Tamén queren que se garanta o axeitado funcionamento do PAC para “construír unha sanidade pública e de calidade”.
A precariedade do servizo sanitario levou a un grupo de veciños e veciñas decidisen crear unha plataforma e denunciar o estado cada vez máis precario servizo sanitario que reciben, demandar melloras sanitarias no eido local e tamén na área sanitaria na que se inscriben e así tratar de reverter a situación.