Os veciños de Camponarai, no Saviñao, reciben unha achega para mellorar o local social
A Asociación de Veciños de Camponarai, no Saviñao, vén de recibir unha achega de 2.000 euros da Deputación de Lugo para a mellora das instalacións do seu local social. Esta axuda permitiralles construír un baño mixto adaptado, que facilitará a todas as persoas con mobilidade reducida un mellor uso das instalacións.
A Asociación de Veciños de Camponarai, na parroquia de Segán, naceu no ano 2011 co obxecto de estreitar lazos entre os veciños e veciñas, ao mesmo tempo que se buscaba dinamizar o lugar, reunirse, compartir e promover actividades e experiencias. Este colectivo desenvolve, desde os seus inicios, numerosas actividades gastronómicas, culturais e deportivas, entre outras.
O presidente do organismo provincial, José Tomé, subliña "o compromiso da Deputación co tecido asociativo da provincia para mellorar dotacións e servizos públicos e comunitarios que contribúan a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e a fixar poboación".