Os veciños da Cubela, en Ribas de Sil, celebraron San Antonio con comida e música

A aldea da Cubela, na parroquia de Torbeo, en Ribas de Sil, celebrou este fin de semana a súa festa en honor a San Antonio cunha xornada que combinou convivencia e música para todos os veciños, organizada pola Asociación de Veciños de Torbeo.
A mañá comezou coa tradicional procesión e a misa cunha ampla participación veciñal e, tras a cerimonia, os asistentes gozaron dunha comida comunitaria onde non faltaron empanadas de bacallau, atún e carne, lacón asado e a típica bica con queixo. Pola tarde, o dúo musical "Music Lar" animou a festa cun baile que puxo ritmo e ledicia á xornada.
O alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro, estivo presente acompañando aos veciños de Torbeo e da Cubela e agradeceu a ampla participación e a implicación veciñal para levar a cabo esta celebración.