Os tres sindicatos principais celebran en Lugo concentracións e marchas polo 1 de Maio

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
CCOO e UGT mobilizaranse o Primeiro de Maio baixo o lema Subir salarios, baixar prezos, repartir beneficios. A CIG fará a súa propia concentración
manifestacion 1 maio concentracion
30 Abr 2023

CCOO e UGT mobilizaranse o Primeiro de Maio por toda Galicia baixo o lema Subir salarios, baixar prezos, repartir beneficios. O acto central dos dous sindicatos terá lugar en Vigo, cunha manifestación que partirá ás 11:30 horas do cruzamento da Vía Norte con Urzáiz. Cara este Día Internacional do Traballo, o secretario xeral da UGT, José Antonio Gómez, e a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, envíanlle unha contundente mensaxe ás patronais: "cómpre subir os salarios, porque a situación é inasumible para milleiros de familias". Neste sentido, emprazan a CEOE a chegar a un acordo sobre o acordo de negociación colectiva (AENC).

En Lugo as concentracións serán separadas. A de CC.OO será ás 12.00 na praciña Calella do Hospital e a de UGT ás 12.30 horas na ronda da Muralla, diante de Sindicatos.

Para CCOO e UGT, malia á moderación experimentada pola inflación, a cesta da compra segue subindo sen parar, polo que instan a actuar sobre os beneficios empresariais. "Non pode ser que as empresas sigan trasladando os custos sobre a clase traballadora, a repartición dos beneficios e dos custos ten que ser equitativa", afirman os sindicatos.

Neste Primeiro de Maio, UGT e CCOO tamén queren poñer en valor a arquitectura de protección social conseguida grazas ao diálogo social estatal, como é o caso da suba do salario mínimo, da reforma laboral ou da reforma das pensións, "pois supoñen gañar dereitos e mellorar a vida das persoas traballadoras".

Con todo, neste diálogo quedaron pendentes de negociar outras cuestións, como as indemnizacións por despedimento, que "han ser xustas, consonte a Carta Social Europea", inciden CCOO e UGT. Se as patronais teiman en seguir fóra das mesas de negociación para abordar estas necesidades, "haberá conflito", conclúen CCOO e UGT.

CIG

Previamente, CIG mobilizarase de forma unilateral a partir das 12.00 horas desde ese mesmo edificio sindical.

A CIG mobilizarase este Primeiro de Maio baixo o lema “Paremos o saqueo! Emprego, salarios e pensións dignas”. A central sindical rexeita as políticas económicas dos gobernos galego e español, “incapaces de enfrontar a grave carestía da vida nin frear o aumento das desigualdades e da pobreza” e chama a mobilizarse “en defensa dos servizos públicos, da recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno na nosa terra”.

A CIG pretende así manifestar a súa preocupación pola espiral xeneralizada da suba dos prezos e da inflación, nomeadamente de bens e produtos básicos de consumo, que está a causar unha importante deterioración nas condicións de vida da clase traballadora e da maioría do pobo galego. Unha situación de altos prezos nos alimentos que conideramos que anómala en Galiza cando somos produtores dos principais produtos da cesta da compra, como leite, carne ou peixe.

Fronte a esta situación estanse a aplicar reformas claramente lesivas e regresivas feitas para satisfacer as duras exixencias da UE para recibir uns envelenados fondos europeos que están a hipotecar o noso futuro. Nesta liña de medidas regresivas hai que incluir á nova reforma das pensións que amplía os recortes, negando o dereito a unha pensión digna, e que consolida as reformas anteriores e aumenta máis o período de cálculo, aos 29 anos -excluíndo os peores 24 meses-, afondando o resultado que levamos anos acumulando de caída nas contías das pensións, con especial afectación ás persoas menores de 50 anos. Esta reforma a maiores toma tintes mais graves pola súa aprobación nun contexto marcado pola carestía da vida, o secuestro da negociación colectiva pola patronal e os chamamentos a un Pacto de Rendas que ten como obxectivo impor a moderación salarial, imposibilitando calquera recuperación do poder adquisitivo das pensións e dos salarios, mentres o SMI e as pensións seguen por baixo do que recomenda a Carta Social Europea.

0.18482995033264