Os tres Concellos da comarca de Chantada melloran as súas instalacións deportivas
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou no día de hoxe a comarca de Chantada para supervisar a finalización das actuacións sufragadas nos tres concellos chantadinos grazas aos convenios de colaboración asinados pola Secretaría Xeral cos gobernos locais. En total, o investimento nas instalacións deportivas da comarca de Chantada en 2021 acadou máis de 160.000 euros dos que a Xunta de Galicia achegou o 80%.
En primeiro lugar Lete Lasa dirixiuse ao Concello de Carballedo onde, acompañado polo alcalde, Julio Manuel Yebra-Pimentel, visitou a pista polideportiva do complexo deportivo da Barrela, que contou cun orzamento total de preto de 50.000 euros (48.373,46 euros), dos que a Xunta de Galicia achegou o 80% (38.718 euros) e a entidade local o restante 20% (9.655,46 euros). O campo de xogo é un rectángulo formado pola soleira de formigón de 42 por 24 metros para encaixar os terreos de fútbol sala (40 por 20) e de baloncesto (28 por 15). O pavimento elixido é de formigón pulido e o equipamento da pista dúas porterías de fútbol sala e dúas canastras de baloncesto que se poden retirar para a práctica do fútbol sala.
A continuación, o mandatario galego, acudiu ao Concello de Taboada para supervisar, da man do alcalde Ramiro Moure, a reforma da bancada do campo de fútbol e a construción dunha pista de pádel no complexo deportivo da Medela. En total, esta actuación tivo un orzamento global de 40.000 euros, sendo achegado o 80% pola Xunta (32.000 euros) e o restante 20% polo municipio (8.000 euros). No caso do campo de fútbol, leváronse a cabo as obras de peche dos laterais dos gradaríos, dado que nas épocas invernais polo efecto do vento e das augas pluviais quedan totalmente inservibles. Ademais realizouse a tabiquería nos peches e divisións interiores dos vestiarios. Respecto á pista de pádel, a estrutura principal é metálica de aceiro laminado e o revestimento do pavimento d e céspede artificial fibrilado de última xeración lastrado con area de sílice. Instaláronse ademais catro focos de 200 watios.
Por último, Lete Lasa visitou o Concello de Chantada para comprobar in situ, xunto ao alcalde, Manuel Lorenzo a instalación do videomarcador no polideportivo municipal, así como a reforma dos vestiarios do mesmo. No caso do videomarcador, trátase dunha pantalla LED deportiva duns 10 m2 con tecnoloxía de última xeración que contou cun orzamento total de 24.200 euros -sendo o 83% (20.000 euros) da Xunta e o 17% (4.200 euros) do concello-. No caso da reforma dos vestiarios, remodeláronse os catro vestiarios existentes no complexo deportivo conservando unicamente a tabiquería perimetral dos catro locais, así como o aseo do árbitro e o pintado do vestiario e colocación dun pavimento igual ao aseo. En total foron 48.000 euros, sendo o 80% achegado pola Xunta (38.400 euros) e o 20% restante polo concello (9.600 euros).