Os traballos de arranxo do firme da LU-P-4103 en Ferreira de Pantón comezarán este mércores

Este mércores, 5 de marzo, quedará cortada ao tráfico a estrada LU-P-4103 no concello de Ferreira de Pantón, como consecuencia dos traballos de renovación do firme afectado polas obras ferroviarias incluídas no Proxecto Construtivo de Renovación de Vía do Tramo Ourense-Monforte de Lemos. Línea 810, promovidas por ADIF.
A empresa UTE RIV Ourense-Monforte será a encargada de realizar os traballos de mellora na vía provincial, o que obrigará a cortar a estrada entre os puntos quilométricos 12,100 e 13,400. O corte afectará a circulación durante aproximadamente tres semanas, período no que se levarán a cabo os traballos de reparación do firme.
As intervencións realizaranse de luns a venres en horario diúrno, co obxectivo de mellorar a seguridade da estrada, que se viu degradada debido ao paso de tráfico pesado inducido polas obras ferroviarias. Instalarase a sinalización viaria pertinente e habilitaranse rutas alternativas.