Os traballadores dos servizos de emerxencias municipais de Quiroga protagonizaron unha xornada do campamento de verán
Os nenos e nenas do campamento de verán de Quiroga tiveron a oportunidade de coñecer de moi preto a labor que realizan os profesionais dos servizos de emerxencias municipais.
Foi nas inmediacións do parque da Constitución, onde estiveron traballadores municipais cos vehículos dos G.E.S. para ensinarlles aos pequenos como se manexan as mangueiras que se empregan no momento de apagar un lume. Os nenos e nenas sacaron todas as súas forzas para poder apertar o botón da mangueira para que saíse a auga, e así aproveitaron para refrescarse.
Estes campamentos iniciáronse a principios do mes de xullo e hai inscritos preto dun cento de nenas e nenos, nos que realizan moitas actividades ao aire libre, pero tamén xogos, obradoiros, manualidades, deportes ou piscina, que se desenvolverán ata o vindeiro 31 de agosto.