Os traballadores do Concello de Monforte terán dereito a dous días máis de asuntos propios

RibeiraSacraXa
Os traballadores do Concello de Monforte terán dereito a dous días máis de asuntos propios e o PP celebra a sentenza
concello monforte
18 Mar 2023

Os empregados do Concello de Monforte poderán desfrutar de dous días máis de asuntos propios debido a que os días 24 e 31 de decembro coincidiron en sábado.

Así o estableceu unha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo de Lugo despois de que a xunta local de goberno de Monforte rexeitara unha solicitude do comité de empresa municipal.

Celebración no PP de Monforte

O Partido Popular de Monforte, liderado por Katy Varela celebra esta decisión e explica que "a xunta de goberno local acordou o 4 de abril de 2022 desestimar a solicitude dos traballadores para gozar de dous días libres ao coincidir o 24 e o 31 en sábado, día libre sempre na función pública".

Porén, argumenta, que "a resolución do 24 de febreiro de 2016 da Dirección Xeral da Función Pública como a resolución do 28 de febreiro de 2019 da Secretaría de Estado de Función Pública, outorgan o dereito de coller eses dous días libres se caen en sábado a todos os empregados públicos”.

Para Katy Varela, “esta sentenza, ditada o pasado 20 de febreiro, é outro exemplo máis da falta de talante negociador de Tomé; peor aínda tendo en conta que se trata de dereitos laborais e que o alcalde ten un pasado significativamente sindicalista”.

Os populares están convencidos de que “o alcalde de Monforte cre que con subir o soldo, os dereitos dos traballadores xa están cubertos, pero hai moito máis e parece mentira que non se ocupe máis do seu benestar”.

0.19442081451416