Os socialistas piden que a Xunta de Galicia poña en valor o sector agrario do Val de Lemos

RibeiraSacraXa
O 22 de outubro de 2022 o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa dos seus deputados e das súa deputada, Martín Seco García, Carmen Rodríguez Dacosta e Luís Álvarez Martínez redactaron unha proposición non de Lei para o seu debate na Comisión 7a, que terá lugar hoxe, venres 22 de setembro.
val lemos
22 Sep 2023

O 22 de outubro de 2022 o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa dos seus deputados e das súa deputada, Martín Seco García, Carmen Rodríguez Dacosta e Luís Álvarez Martínez redactaron unha proposición non de Lei para o seu debate na Comisión 7a, que terá lugar hoxe, venres 22 de setembro.

A proposición non de lei consiste en propoñer, desde o Parlamento de Galicia, instar ao Goberno galego a poñer en marcha unha mesa de traballo que inclúa aos distintos actores implicados para activar a posta en valor do sector agrario do Val de Lemos e o seu regadío e elaborar un plan de reactivación da actividade agraria no Val do Lemos, dentro do desenvolvemento da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Estes requirementos veñen dados por uns argumentos presentados polo Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, que establece que o novo Plan hidrolóxico elaborado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para o período 2021-2027 asigna ao regadío do Val do Lemos 11,83 hectómetros cúbicos de auga ao ano, mentres que o consumo anual previsto nos seis municipios do Val do Lemos con leiras regables ou con terreo xunto ao encoro non pasa dos 4,12 hectómetros cúbicos.

Consumo da auga

Comentan que no territorio que forma parte do radio de acción do regadío Val de Lemos, o 75 % deste consumo urbano absórbeo o municipio de Monforte, con case 3,3 hectómetros cúbicos de auga ao ano, o resto das localidades da área de influencia móvense en cifras de consumo de auga similares. Bóveda e Sober teñen asignados 0,23 hectómetros cúbicos, Pantón e O Incio 0,22 cada un e A Pobra do Brollón 0,12. Nas comarcas veciñas, o municipio de Chantada necesita 0,67 hectómetros cúbicos para usos urbanos e o de Quiroga 0,20.

"Aínda que ese consumo de auga para usos agrarios poida parecer moito, o certo é que é bastante menor do que os usuarios do regadío tiñan autorizado cando no 2006 se legalizou a súa asociación de regantes. Naquel momento, a CHMS asignara o desvío ás canles desta infraestrutura un máximo de 21,25 hectómetros cúbicos procedentes fundamentalmente do tramo embalsado polo encoro de Vilasouto, pero tamén do Cabe nos ramais de rega próximos a este río", explican.

Os regantes adoptaran naquel momento o compromiso de optimizar o uso da auga para reducir progresivamente o seu consumo para reducir ata os 13 hectómetros cúbicos a auga necesaria para regar. Así, catorce anos despois, o obxectivo foi conseguido por unha aplicación de controis máis rigorosos no uso da auga, pero tamén pola preocupante redución do número de leiras que necesitan deste regadío, establecen os socialistas.

Por outra banda, remarcan como positivo o proxecto de reactivación da agricultura na comarca de Monforte da CHMS para poñer en marcha unha folla de ruta que achegara solucións aos principais problemas da actividade agraria e ao aproveitamento sostible da auga por parte da comunidade de regadores do Val de Lemos. Este plan foi encargado a persoal especializado do Campus Terra da USC, que contará con 290.000 euros financiados pola CHMS, para avaliar a zona dende o punto de vista legal, económico, social, produtivo e estrutural e incluirá unha análise precisa dos problemas principais actuais e futuros.

Falta de políticas por parte da Xunta

Os socialistas din que "a infraestrutura de regadío que se iniciou a mediados do século XX viu como desaparecían boa parte das leiras dedicadas a uso agrario pola falta de políticas activas en materia de mobilización de terra agraria que non desenvolveron os sucesivos gobernos do Partido Popular na Xunta de Galicia. Un regadío que debe de dar servizo a unhas 5.000 Ha, pero que só actúa nunhas 600 pola falla de políticas de concentración de terras neste entorno", denuncian.

Ademais, apuntan á situación xurdida pola guerra de Ucraína, que "amosa a necesidade de que os nosos gandeiros puideran ter unha maior capacidade de autoabastecemento de cereais, xa que Galicia segue á cola de España e Europa en superficie agraria útil e observamos como se viu comprometida a alimentación do gando nos primeiros momentos do conflito e como agora as explotacións teñen serias dificultades polo custo desta materia prima".

Por todo isto, cren necesario que a Confederación Hidrográfica inicie o proceso, e que dende a Xunta de Galicia con competencias nesta materia aporte o seu traballo para recuperar e mellorar esta infraestrutura, forme unha mesa de traballo coa comunidade de regantes e inicie un plan de reactivación da actividade agraria no Val de Lemos para aumentar a superficie agraria útil deste territorio.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.076988220214844