Os socialistas denuncian que o centro de saúde de Bóveda está sen médico

RibeiraSacraXa
A agrupación do PSdeG en Bóveda denuncia que o centro de saúde volve estar sen médico, logo de que a primeiros de mes pasaran case dúas semanas sen facultativos.
Centro de saúde de Bóveda
28 Nov 2023

A agrupación do PSdeG en Bóveda denuncia que o centro de saúde volve estar sen médico, logo de que a primeiros de mes pasaran case dúas semanas sen facultativos. A voceira municipal socialista, Carmen Macía, amósase preocupada por esta situación: “Estase convertendo nalgo recorrente, é unha absoluta vergoña, isto é insostible no tempo, non podemos ter o núcleo de Bóveda sen atención sanitaria”, asegura.

Segundo as súas palabras, nestes momentos hai un médico substituto no centro de saúde de Rubián, pero no de Bóveda “non temos ningún, e a previsión é que ata mediados da semana que vén non volva o que temos agora”. Deste xeito, pídenlle á Xunta que actúe e mande un médico substituto porque “non é de recibo que a veciñanza teña que desprazarse ata Rubián cando se deberían cubrir as dúas prazas”, alerta a socialista.

Indica Macía que esta situación se dá co beneplácito do alcalde que, “unha vez máis, deixa ver como non lle importa o benestar da súa veciñanza e se prega aos intereses da Xunta de Galicia, sen dicir nada nin esixir o que nos pertence aos bovedenses”.

"A atención sanitara nunca foi tan débil"

Din os socialistas que nunca a atención sanitaria foi “tan débil e nunca tivemos unha situación tan mala como a de agora, antes aínda alternaban o médico substituto dalgún dos dous centros de saúde para atender a todo o municipio, pero agora nin iso: nin cobren os días libres dos médicos, nin vacacións, nin as baixas”. Ao tempo que engade que lle obrigan á xente “desprazarse a Rubián, algo inexplicable”.

A voceira pon sobre a mesa unha preocupante situación: “É hipócrita que diga a Xunta que quere fixar poboación no rural cando non lle dá servizos públicos de calidade á xente”.

Deste xeito, fai referencia ás molestias que pode causar entre a veciñanza, que “cada día está máis envellecida, polo que precisa máis atencións e coidados”. Uns coidados que, segundo a socialista, non se están a cubrir: “E Xunta que nos dá? Menos médicos, centros de saúde sen persoal sanitario e mándanos facer quilómetros para que nos atenda, cando moitas persoas carecen de carné de conducir e de medios para se desprazar”.

0.21167612075806