Os socialistas de Pantón denuncian a falta de médicos no centro de saúde durante o verán

RibeiraSacraXa
Advirten de que Pantón só contará cun médico ata o 25 de agosto a pesar de duplicarse a poboación no verán
Concello-biblioteca-centro-saude-Panton
12 Aug 2025

O PSdeG-PSOE de Pantón denuncia a situación sanitaria “insostible” que atravesa o municipio este mes de agosto, no que o centro de saúde unicamente contará cun médico ata o 25 de agosto. O segundo facultativo habitual está de vacacións e, segundo sinalan, desde a Xunta de Galicia non hai confirmación de que se vaia enviar un substituto. No mellor dos casos, a previsión é que cubra só dous dos quince días que restan ata a súa reincorporación.

Representantes socialistas comprobaron a situación no propio centro médico, onde confirmaron a falta de cobertura e constataron que non existe ningún cartel informativo que avise á poboación.

A formación lembra que esta redución de persoal coincide co período do ano no que Pantón multiplica, como mínimo, por dous a súa poboación debido á chegada de veciños retornados e visitantes, o que provoca unha maior demanda asistencial. O problema agrávase esta fin de semana, coa celebración das festas locais, que atraen a centos de persoas máis e xeran unha necesidade sanitaria adicional.

“É inaceptable que, sabendo esta realidade, a Xunta non garanta unha cobertura médica axeitada, poñendo en risco a atención sanitaria e a saúde das nosas veciñas e veciños”, sinalan desde a agrupación.

O PSdeG-PSOE esixe á Xunta que adopte medidas urxentes para cubrir todas as ausencias e garantir que o centro de saúde dispoña, polo menos, do mesmo número de profesionais que o resto do ano, reforzando o servizo no verán para responder ao incremento de poboación.

“Non é de recibo que se deixen os recursos sanitarios baixo mínimos no mes de maior afluencia de persoas, obrigando a soportar longas esperas e trasladando aos pacientes a outros centros, co conseguinte prexuízo para a súa saúde e para o noso municipio”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.16370487213135