Os socialistas de Chantada conseguen o apoio político para mellorar a sanidade do municipio
A moción presentada no pleno do Concello de Chantada polos socialistas con respecto á sanidade saíu aprobada por unanimidade, o que significa que votaron a favor dela tanto os representantes do Partido Popular como o partido Por Chantada.
Así, pedían a cobertura de todos os postos do PAC e a ampliación da HADO, reclamaban un segundo equipo para o Centro de Saúde e a ampliación do servizo de hospitalización a domicilio (vencellado ao Hospital de Monforte).
Así, desde o PSOE quixeron dar as grazas a todos os partidos por unirse a esta iniciativa, "que vén a defender a sanidade dos chantadinos e chantadinas" e sosteñen que "esperamos que o voto a favor non quede só en palabras e que políticamente se actúe".
Así, esixen que dende o Concello como organismo e co alcalde como representante de todos os veciños e veciñas, fagan o que teñan que facer e insten aos organismos e representantes superiores da Xunta a que cumpran para ter unha sanidade digna.