Os seráns de cine e teatro levaron a Quiroga a película ‘Antes de Nós’

RibeiraSacraXa
O ciclo cultural continuará no mes de decembro con tres propostas teatrais no Auditorio Municipal
serans-de-cine-e-teatro-quiroga
1 Dec 2025

O Concello de Quiroga continúa desenvolvendo o ciclo “Seráns de cine e teatro”, unha proposta cultural que reúne distintas proxeccións e representacións escénicas durante os meses de novembro e decembro.

Onte pola tarde, a Casa da Cultura acolleu a exhibición da película ‘Antes de Nós’, dirixida por Ángeles Huerta e escrita por Pepe Coira. A presentación correu a cargo do concelleiro de dinamización lingüística, Xosé Manuel Fernández, quen introduciu este filme centrado na figura de Castelao. A proxección contou co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.

O filme afonda na etapa previa a que Castelao se convertese no referente histórico coñecido hoxe, deténdose especialmente na relación entre Daniel e Virxinia en dous momentos clave: en 1918, cando o autor deixa o seu posto en Pontevedra para exercer como médico en Rianxo durante a gripe española; e en 1929, cando o matrimonio viaxa por Bretaña pouco despois da morte do seu fillo. Protagonizada por Xoán Fornelas e Cris Iglesias, Antes de Nós foi rodada en localizacións reais vinculadas á vida de Castelao, como Rianxo, Pontevedra, A Estrada, Santiago ou Muros.

O ciclo cultural continuará no mes de decembro con tres propostas teatrais no Auditorio Municipal. O venres 19, ás 18.00 horas, Galeteatro representará 'Berenguela na Gaiola'. O domingo 21, tamén ás 18.00 horas, Trípode levará ao escenario a obra humorística 'A Presa'. Finalmente, o día 29 será a quenda de A viaxe do Señor López, da compañía 'Señor López Producións'. Estas representacións contan igualmente co patrocinio da área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.074537038803101