Os Seráns de Cine e Teatro de Quiroga continúan este sábado coa proxección do filme ‘Antes de Nós’

RibeiraSacraXa
A película achega unha ollada íntima á figura de Castelao antes de converterse no referente histórico que hoxe representa
película-Antes-de-Nós-Castelao
27 Nov 2025

O Concello de Quiroga continúa coa programación cultural incluída nos “Seráns de cine e teatro”, iniciativa que reúne distintas representacións escénicas e proxeccións de cinema galego ao longo dos meses de novembro e decembro. A próxima actividade será este sábado, 29 de novembro, ás seis da tarde, na Casa da Cultura, coa proxección do filme ‘Antes de Nós’, dirixido por Ángeles Huerta e escrito por Pepe Coira. A obra conta ademais co patrocinio da área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.

‘Antes de Nós’ achega unha ollada íntima á figura de Castelao antes de converterse no referente histórico que hoxe representa. A película centra a súa narrativa na relación entre Daniel e Virxinia, explorando dous momentos decisivos da súa vida: en 1918, cando Castelao deixa o seu posto como funcionario en Pontevedra para exercer como médico en Rianxo durante a gripe española, e en 1929, nunha viaxe do matrimonio por Bretaña tras a morte do seu único fillo. Dúas etapas marcadas pola distancia emocional, a perda e a busca dun vínculo que remata por transformalos.

O filme foi rodado en boa medida nos escenarios reais que vinculaban a Castelao, como Rianxo e Pontevedra, espazos que conservan a esencia de hai máis dun século. A produción completouse con localizacións noutras zonas significativas, como A Estrada, Santiago de Compostela e Muros, para recrear con fidelidade a Galicia de comezos do século XX. Nesta obra, Xoán Fornelas interpreta a Castelao, mentres que Cris Iglesias dá vida a Virxinia.

Esta longametraxe é o terceiro traballo da directora Ángeles Huerta. A súa primeira obra, o documental Esquece Monelos, acadou a Mención Especial do Xurado en Documenta Madrid, tres premios Mestre Mateo e unha candidatura aos Premios Feroz 2018. En 2022 estreou en Seminci O corpo aberto, a súa primeira ficción, que se fixo con 12 premios Mestre Mateo en 2023, incluíndo mellor película, dirección e guión.

⚙ Configurar cookies
0.070115804672241