Os Reis Magos repartirán agasallos a domicilio en arredor de 40 fogares de Chantada

RibeiraSacraXa
Máis de 60 nenos e nenas recibirán os seus regalos grazas a unha campaña impulsada dende o CCA Ribeira Sacra
reis-magos-chantada-cca-ribeira-sacra
19 Dec 2025

Os Reis Magos do CCA Ribeira Sacra volverán levar a ilusión ás casas dos nenos e nenas de Chantada o vindeiro 5 de xaneiro de 2026. A iniciativa, que xa se puxo en marcha con éxito o ano pasado, repetirase tras a boa acollida rexistrada nos Reis de 2025, cando as súas Maxestades visitaron arredor de 40 fogares e entregaron agasallos a preto de 60 cativos. O obxectivo da campaña é achegar estas datas tan especiais ás familias e, ao mesmo tempo, impulsar o comercio local.

Para participar, as familias deberán realizar compras nos establecementos adheridos ao CCA Ribeira Sacra por un importe mínimo de 100 euros entre o 9 de decembro e o 2 de xaneiro. Segundo explicou o presidente da asociación, Iñaki Castiñeira, a experiencia do pasado ano foi “todo un éxito”, unha valoración que se basea, sinalou, “nas cariñas de ledicia dos pequenos en todas as casas”.

A visita dos Reis Magos terá lugar o 5 de xaneiro, unha vez rematada a Cabalgata de Chantada, arredor das 20.30 horas. Cada un dos Reis realizará un percorrido diferente para poder chegar ao maior número posible de domicilios, tanto no casco urbano como nas parroquias do concello.

As prazas serán limitadas e asignaranse por rigorosa orde de reserva. Unha vez pechada a campaña, o día 2 de xaneiro, a organización definirá os itinerarios e comunicará ás familias a franxa horaria aproximada na que recibirán a visita real.

A campaña está promovida polo CCA Ribeira Sacra e conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.086489200592041