Os Reis Magos cumpren en Monforte coa súa cita anual e enchen a cidade de ilusión na noite máis esperada

RibeiraSacraXa
A cabalgata partiu do parque Doutor López Suárez e reuniu a milleiros de persoas nun percorrido que rematou diante do Concello cun discurso real e unha recepción á cativada
Reis-Magos-Monforte-26
6 Jan 2026

Como cada 5 de xaneiro, os Reis Magos de Oriente cumpriron co seu compromiso cos nenos e nenas de Monforte de Lemos e visitaron a cidade do Cabe para repartir ilusión desde as súas carrozas e deixar os agasallos en todos os fogares do municipio. Nesta edición, e debido ás obras que se están a realizar na Estación, as Súas Maxestades iniciaron a súa tradicional visita no parque Doutor López Suárez, fronte ao Cuartel da Garda Civil.

A chegada dos Reis Magos produciuse ás 17.30 horas, momento no que foron recibidos polo alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado por varios membros do equipo de goberno. A recepción oficial tivo lugar na pista cuberta do parque Doutor López Suárez e estivo amenizada pola actuación do Grupo de Gaitas do Concello de Monforte. Tras a benvida do rexedor, Melchor, Gaspar e Baltasar saudaron ás numerosas crianzas que ateigaron o parque e repartiron os primeiros caramelos.

Ás 18.30 horas deu comezo a cabalgata, integrada por catro carrozas, unha encabezada pola Estrela de Nadal e tres máis para cada un dos Reis Magos, acompañados polos seus paxes. Como é tradición, o alumnado de 6º de Primaria dos centros educativos de Monforte participou como paxe real, acompañando á comitiva e lanzando confeti e serpentinas de papel ao longo do percorrido. O desfile contou tamén con animación musical e cunha comparsa de figuras luminosas con forma de osos e elefantes.

A comitiva partiu do parque Doutor López Suárez e percorreu as rúas Rosalía de Castro, Calvo Sotelo, Roberto Baamonde e Cardeal, para continuar pola avenida de Galicia a través da Ponte Nova e finalizar na praza do Campo de Santo Antonio, fronte á Casa do Concello. Alí, os Reis Magos foron recibidos novamente polo alcalde e o equipo de goberno, antes de subir ao balcón da Casa Consistorial para pronunciar o tradicional discurso real e repartir outra vez caramelos entre o público que encheu a praza.

Antes de continuar coa súa misión de facer realidade os desexos de pequenos e maiores, as Súas Maxestades recibiron na planta baixa do Concello aos nenos e nenas que quixeron achegarse a saudalos, coñecelos persoalmente e levar un recordo da súa visita, sacándose fotografías con eles.

O alcalde de Monforte, José Tomé, amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento da xornada e pola elevada participación rexistrada, tanto na cabalgata como no conxunto de actos do Programa de Festas de Nadal 2025-2026 impulsado polo Concello, que contou cunha vintena de actividades dirixidas a todos os públicos. “Mañá, martes 6 de xaneiro, Día de Reis, apagaremos o alumeado festivo que iluminou o Nadal na nosa cidade desde o 5 de decembro, dinamizando as compras no comercio local, e daremos por finalizado o completo programa de actividades de Nadal, que resultou todo un éxito de participación”, indicou o rexedor.

⚙ Configurar cookies
0.077132940292358