Os Reis Magos chegarán este domingo a Monforte en tren para protagonizar a tradicional cabalgata

RibeiraSacraXa
A estación de tren e as rúas da cidade converteranse este domingo no escenario da maxia e ilusión que as Súas Maxestades regalarán aos máis pequenos
Imaxe da Cabalgata de Reis en Monforte de Lemos
4 Jan 2025

As Súas Maxestades os Reis Magos chegarán a Monforte este domingo 5 de xaneiro para cumprir, un ano máis, coa súa máxica misión de facer realidade os soños dos nenos e nenas da cidade. A súa chegada está programada para as 17:30 horas na Estación de tren de Monforte, onde comezará unha xornada chea de ilusión que culminará co tradicional percorrido da Cabalgata polas rúas da cidade, a partir das 18:30 horas.

A recepción oficial terá lugar na praza do Campo de San Antonio ás 19:30 horas. Alí, os Reis Magos serán recibidos polo alcalde, José Tomé Roca, e outras autoridades municipais nas escaleiras do Concello. Posteriormente, dende o balcón da Casa do Concello, dirixirán un discurso real e realizarán o esperado reparto de caramelos. Os nenos e nenas tamén terán a oportunidade de coñecelos de preto no vestíbulo do Concello.

En caso de choiva forte, o evento adaptarase trasladando ós Reis Magos en autobús dende a Estación ata o Concello, onde o discurso terá lugar no Salón de Plenos e as actividades de recepción manteranse no interior do edificio municipal.

O alcalde, José Tomé Roca, destacou que este evento marca o peche da programación do Nadal en Monforte. “Coa chegada dos Reis Magos e o apagado do alumeado navideño o luns 6 de xaneiro, concluiremos un completo programa de actividades que resultou ser un éxito de participación e que encheu Monforte de vida e alegría durante estas datas tan especiais”, sinalou o rexedor.

0.17303204536438