Os premios Semente Ribeira Sacra regresan en 2025 con importantes novidades

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, participou este mércores na presentación das novidades formativas da XI edición do Concurso Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra, co que se buscan iniciativas innovadoras para desenvolver o medio rural e poñer en valor os seus recursos.
Durante a presentación, que tivo lugar no Parador de Monforte de Lemos, a directora xeral da Axencia salientou a importancia deste tipo de propostas que teñen por obxectivo apoiar a posta en marcha de proxectos que contribúan positivamente ao desenvolvemento das zonas rurais.
Neste sentido, esta semana presentouse que esta nova edición do concurso inclúe un bono asesoramento para os 10 proxectos finalistas que queiran facer uso do mesmo. A través desta nova proposta ofrecerase apoio en áreas clave con titorías personalizadas, asesoramento en modelos de negocio sostibles, xestión financeira e acceso a financiamento e obradoiros grupais entre os proxectos participantes.
En definitiva, ofrecerase un acompañamento estratéxico individualizado, unha optimización do modelo de negocio e unha xestión financeira eficiente, así como a creación de redes e oportunidades de colaboración. O que se busca é potenciar as posibilidades de éxito das iniciativas finalistas que se vaian desenvolver no ámbito rural en sectores vinculados a estas contornas.
Os interesados en participar teñen de prazo ata o 31 de maio para presentar as súas ideas no XI Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra.