Os populares reuníronse en Monforte con entidades sociais para coñecer as súas demandas
As candidatas do sur lucense ao Parlamento galego polo PP, Katy Varela e Raquel Arias; a titular de Política Social e Xuventude do Goberno galego e candidata pola provincia da Coruña, Fabiola García; e deputado monfortino no Congreso, Francisco Conde, mantiveron unha reunión con representantes de entidades sociais de Monforte de Lemos para coñecer de preto as súas demandas e trasladar as iniciativas e apoios que ten implantado e que prevé implantar o Goberno de Rueda.
Varela subliñou a achega de preto de 1.920.000 euros por parte deste departamento durante o 2023 á cidade do Cabe para sufragar distintos servizos ou apoiar a colectivos vulnerables, como os preto de 950.000 euros dirixidos ao Concello para contribuír a sufragar o Servizo de Axuda no Fogar.
Os recursos autonómicos tamén serviron para facer fronte á gratuidade da atención a nenos e nenas de 0 a 3 anos, ao Bono Coidado e ás axudas para persoas dependentes con prazas en centros privados; ademais de realizar obras de mellora en centros de dependentes.
Poñer en valor o Goberno de Rueda
As populares incidiron en que “o Goberno de Rueda está a traballar nunha dobre vertente: o envellecemento activo para previr situacións de dependencia e a posta á disposición dos mellores servizos e prestacións para que as persoas que o necesitan reciban os mellores coidados co obxectivo de que todas as persoas poidan gozar dunha vida feliz e plena”.
Así, engadiron que “a atención á discapacidade en Galicia experimentou un impulso histórico. Estas persoas contan cun sistema de atención e coidados que abrangue cada etapa das súas vidas”.
Algún exemplo das medidas do Goberno de Rueda é “o impulso do concerto social, unha demanda histórica das entidades sociais que blinda a súa estabilidade e incrementa considerablemente o financiamento destinado ás prazas”.