Os populares no partido xudicial de Lugo elixiron aos seus 6 representantes na Deputación
O Partido Popular, que se volveu situar como primeira forza política da provincia nas eleccións municipais do pasado 28 de maio ao alcanzar 85.640 apoios e 351 concelleiros, será tamén o grupo máis numeroso na Corporación da Deputación Provincial de Lugo con 12 dos 25 deputados.
Os populares contarán polo Partido Xudicial de Lugo con seis representantes, dos doce que lle corresponden na corporación provincial. Os concelleiros que serán deputados provinciais son: Carmen José López, Antonio Ameijide, José Pardo Lombao, Francisco Javier Balado, José Ángel Santos e Jesús Manuel Núñez. Os suplentes nomeados son: Héctor Corujo, Olga Iglesias e María José Gómez.
Os rexedores do Incio e Triacastela está previsto que se incorporen ao longo do mandato, rotando con Carmen José López e Jesús Manuel Núñez.
A aprobación formal dos deputados provinciais populares por Lugo oficializouse esta mañá na xunta electoral de Lugo por parte dos 129 concelleiros do PP nos distintos concellos da zona -avalados por 40.289 votos, 17.206 máis que o PSOE e 25.732 máis que o BNG.
REPRESENTANTES DO RESTO DA PROVINCIA
A corporación provincial contará con outros seis representantes do PP correspondentes ao resto dos partidos xudiciais: tres por Mondoñedo (A Mariña), un por Vilalba, un por Chantada e un por Monforte de Lemos.
O proceso para a elección formal dos deputados nas xuntas electorais de Vilalba e Monforte están convocados tamén para esta semana.