Os participantes dos obradoiros de Pantón, Sober e O Saviñao reciben os seus diplomas
A Xunta de Galicia entrega os diplomas aos alumnos do obradoiro de emprego Ricra V, que se desenvolveu nos concellos de Pantón, Sober e O Saviñao.
Este obradoiro foi promovido polos concellos e financiado pola consellería de Promoción do Emprego e Igualdade cun presuposto total de 347.000 euros.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, quen participou no acto xunto cos respectivos alcaldes, sinala que o taller contou con 20 prazas e impartiu as especialidades de montaxe e instalación de construcións de madeira, con oito inscritos, e repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, na que se inscribiron doce alumnos.
O alumnado tivo acceso a un contrato de traballo durante os nove meses de duración da actividade, que incluíu formación teórica e práctica de calidade da man de expertos. “Os obradoiros teñen en conta a realidade social e económica das zonas nas que se desenvolven e se adaptan á demanda das empresas da contorna”, salienta Arias. “Ao mesmo tempo”, di, “realizan obras e servizos moi importantes a nivel local”.
Neste caso, o programa contemplou a colocación de mobiliario urbano en diversas localizacións de titularidade municipal dos tres concellos. En Pantón acometéronse traballos de acondicionamento no Castro, o campo da festa de Ferreira, a área recreativa de Maiorga e a ruta de sendeirismo de Marce e Atán. En Sober fixeron labores de mantemento de miradoiros como os de Pena do Conde, A Cividade, Muíños da Xábrega-Os Chancís, Santiorxo, Cadeiras e O Castelo. Polo que respecta a O Saviñao, realizaron actuacións forestais e de carpintaría na Devesa e a praza de España de Escairón e no campo de feira de Currelos.
NOVA EDICIÓN
Arias destaca que a consellería vén de aprobar unha partida de 504.000 euros para financiar outra edición deste obradoiro, que como novidade pasará a durar un ano. Na selección dos participantes, que se realizará a partir de agora, terán prioridade aquelas con especiais dificultades de inserción no mercado laboral como mulleres, emigrantes retornados, vítimas de violencia de xénero, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, parados de longa duración, maiores de 45 anos ou persoas en risco de exclusión social.
Na zona sur a Xunta destina 2 millóns de euros a financiar a posta en marcha de catro novos obradoiros de emprego, que se levarán a cabo en 11 municipios. Ademais, está a tramitar unha partida adicional de 10 millóns de euros para que se poidan levar a cabo máis obradoiros en toda Galicia.