Os participantes do programa ‘Descubrir Quiroga percorreron o Camiño do Ferradal

RibeiraSacraXa
A ruta, de once quilómetros, permitiu coñecer a historia mineira e paisaxística da zona
ruta-camiño-ferradal
30 Jun 2025

Quiroga continúa este verán co programa de dinamización turística Descubrir Quiroga, impulsado pola Concellería de Turismo en colaboración coa Deputación de Lugo. Este domingo tivo lugar unha nova saída, na que os participantes percorreron o coñecido Camiño do Ferradal, un sendeiro cargado de historia e natureza.

A ruta, guiada e interpretada por Guillermo Díaz Aira, de Coureleando, levou aos sendeiristas polos antigos camiños ligados á extracción de ferro na época romana e castrexa. Ao longo dos once quilómetros, os asistentes descubriron lugares como a Cova de Ricopete, antiga mina romana, e Pena Furada, un túnel escavado para conducir a auga ás minas de ouro. Tamén percorreron soutos, sequeiros, fervenzas, pontes sobre o río como a do Frade e admiraron os picos das coñecidas “Orellas do Lobo”.

A xornada rematou cun pequeno aperitivo na Ferrería de Rugando, poñendo o broche final a unha actividade que combina sendeirismo, patrimonio e posta en valor do territorio.

⚙ Configurar cookies
0.16918611526489