Os participantes do Obradoiro dual de Emprego traballan no acondicionamento da área recreativa de Ver, en Bóveda
O pasado mes de decembro arrancou o novo Obradoiro dual de Emprego de Bóveda, O Incio e A Pobra do Brollón. Un total de 20 alumnos e alumnas participan nesta nova edición, seis deles pertencentes ao concello de Bóveda. Estes días, o grupo levou a cabo a limpeza e acondicionamento das zonas verdes da área recreativa de Ver, en Bóveda.
O obradoiro está promovido polos concellos e financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 412.000 euros. A iniciativa toma o relevo do taller que estivo en marcha durante o último ano, ambos centrados na xardinería. Os participantes deste obradoiro encargaranse do mantemento e acondicionamento de múltiples xardíns, zonas verdes, áreas recreativas e rutas de sendeirismo nos tres municipios.
Os participantes tamén traballaron durante as pasadas semanas nas labores de mantemento de beirarrúas e limpeza de zonas verdes de Rubián, en Bóveda.