Os participantes do campo de voluntariado de Quiroga foron recibidos polo alcalde

Os participantes no campo de voluntariado que se desenvolveu esta semana en Quiroga foron recibidos polo alcalde, José Luis Rivera, e polo concelleiro de Xuventude, Luis Manuel Arias. Durante o encontro, o concelleiro deulles a benvida e destacou os traballos que están a realizar para mellorar o acceso á fervenza do Pozo do Batán, no río Ferreiriño, entre Campodola e Leixazós.
Segundo explicaron desde o Concello, as tarefas inclúen rozas, limpeza e sinalización dos accesos á fervenza, así como a elaboración dun vídeo promocional sobre este espazo natural. Ademais, os mozos e mozas están colaborando na promoción do Xeoparque Montañas do Courel e na dinamización das rutas do municipio.
Dentro do programa tamén se inclúen actividades lúdicas. Por exemplo, o martes pola tarde participaron nunha cata de viños guiada por Juan Luis Vázquez na Casa do Estanco - Terraza & Bar. Ao longo da semana tamén realizaron visitas á explotación mineira romana de Montefurado, aos museos de Quiroga e ao pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós.