Os participantes do campamento de Sober aprenderon a protexerse do sol da man da AECC

Os nenos e nenas do campamento de verán Coñece o teu Concello participaron recentemente nunha actividade organizada pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC). A proposta buscaba sensibilizar sobre a importancia de protexerse do sol e promover hábitos de vida saudables.
Durante a xornada, ofrecéronse consellos prácticos para evitar os riscos asociados á exposición solar, como o uso de crema protectora, roupa axeitada ou evitar o sol nas horas centrais do día.
A actividade enmárcase dentro do programa do campamento, que ten como finalidade achegar aos nenos e nenas ao funcionamento do Concello e fomentar valores de responsabilidade, saúde e coidado do contorno.
O campamento está dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, que descubrirán a riqueza natural e cultural do municipio a través de actividades lúdicas e educativas. As actividades desenvólvense nas piscinas municipais e no pavillón do CEIP Virxe do Carme ata o 8 de agosto.