Os orzamentos do Concello de Monforte para 2022 serán eminentemente sociais

RibeiraSacraXa
Os orzamentos ascenden a 14.892.364,97 euros, ós que se lle engaden 900.000 euros máis de inversións comprometidas e que están en execución.
orzamentos monforte
21 Nov 2021

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, acompañado polo concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, deu a coñecer na mañá de onte os Orzamentos Municipais para o ano 2022, “un orzamento que é froito do rigor e da boa xestión económica que dende o Equipo de Goberno vimos realizando dende que estamos ó fronte deste Concello”.

“Desde que teño compromiso de goberno como alcalde dende o ano 2015, volvemos a traer os orzamentos municipais do Concello de Monforte de Lemos en tempo e forma, e o facemos por sétimo ano consecutivo, cumprindo o noso compromiso cos monfortinos e monfortinas”, destacou o alcalde.

O rexedor municipal engadiu que “Repasando a historia recente dos gobernos municipais de Monforte, nunca houbo unha racha de 7 anos consecutivos aprobando o orzamento en tempo e forma para que entre en vigor a principios do ano seguinte. Isto demostra a nosa seriedade e a boa xestión que fai este equipo de Goberno, porque desta forma os orzamentos entrarán en vigor a principios do ano 2022”.

Deste xeito, a previsión de ingresos e de gastos do orzamento para o ano 2022 é de 14.892.364,97 euros, preto de 15 millóns de euros, que na práctica é superior: ”é unha previsión igual á do ano anterior, pero a realidade é que os ingresos aumentan case nun millón máis, xa que se lle debe sumar esa cifra (900.000 €) que está consignado para 4 proxectos concretos que se están executando e que solo está certificado unha parte pequena (máis ou menos 50.000 €) e que o resto se incorporará ó orzamento do ano seguinte, neste caso para o orzamento de 2022, e que polo tanto, pasa a formar parte dos ingresos deste exercicio”, explicou o Alcalde.

INGRESOS

A previsión de ingresos que ten o Concello para o 2022 é de 15.792.364,97 euros.

Os ingresos que aumentan con respecto ó ano anterior corresponden principalmente á participación nos Tributos do Estado, que supoñen un incremento do 25%, en relación co ano anterior, o que ven a ser un total de 543.986,67€ máis que no ano 2021.

No relativo ós Fondos de Cooperación cos Concellos da Xunta de Galici, o Alcalde destacou que “non aumentan nin un só euro, ó contrario, diminúen con respecto ó ano 2021 en 16.300,24€, o que evidencia que o goberno do Sr. Feijóo, outro ano máis, non ten intención de axudar a Monforte nin ós Concellos en xeral”.

Por outra banda, dáse un incremento da aportación da Xunta de Galicia nos servizos sociais “que se debe exclusivamente a que a Xunta por fin atendeu ás demandas dos Concellos para que aumentara o prezo por hora do SAF. Aínda que non se conseguiu a cantidade desexada por todos os Concellos, pese a que este servizo é de competencia exclusiva da Xunta de Galicia, finalmente incrementou en 2 euros o prezo da hora para o ano 2022, pasando de 9 a 11 euros, aínda que o Concello está pagando este servizo moito máis caro, de feito, no concurso que sairá proximamente, o prezo/hora estará en 18 €, o que supón un 63,6% máis do que paga a Xunta”, explicou o rexedor municipal.

“Por este motivo, o Concello, facendo un gran esforzo como xa o ten demostrado co aumento dos servizos do SAF feito no ano 2021 e mantendo este ano en 1.400.000€, vanse incrementar as horas, todo elo para conseguir que os nosos maiores estean ben atendidos”.

IMG_1876
0.19596195220947