Os organizadores da segunda edición do Raizames din que foi "unha viaxe intensa de tres días pola Ribeira Sacra"
Esta fin de semana celebrouse a segunda edición de ‘RaizameS, Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ no Concello de Taboada, onde centos de persoas puideron desfrutar da Ribeira Sacra.
RaizameS acolleu faladoiros e paneis de experiencias con voces expertas do mundo do viño, percorridos culturais polas parroquias de ribeira do Concello, visionado de pezas audiovisuais, exposicións fotográficas, catas guiadas, degustación de viños, intervencións artísticas, música…
Segundo os organizadores, RaizameS foi "unha viaxe intensa de tres días, transitando o imaxinario enteiro da Ribeira Sacra; descubrindo o territorio e xentes de Taboada; homenaxeando a sabiduría das voces máis vellas; abrindo xanelas e portas ás novas voces que na actualidade constrúen a narración da Ribeira.
E tamén din que foi "a celebración do ciclo do viño e da vida. A cultura do viño, como eixo vertebrador dun territorio que latexa con forza e ganas. Foi RaizameS, a festa das artes ao servizo da veciñanza, a ofrenda e o agasallo cultural e artístico a unha comunidade rural, con fame e sede de estímulo".