Os obradoiros de memoria regresan a Quiroga en setembro

O vindeiro 11 de setembro dará comezo en Quiroga un novo obradoiro de memoria dirixido a persoas maiores de 50 anos sen deterioro cognitivo significativo. A iniciativa está organizada polo Concello en colaboración coa asociación AFAMON e busca promover un envellecemento activo, mantendo as capacidades cognitivas e fomentando a prevención e detección precoz de posibles problemas de memoria.
O obradoiro desenvolverase todos os xoves na Casa da Cultura, entre as 18:30 e as 20:00 horas. As sesións incluirán actividades variadas orientadas a traballar diferentes áreas cognitivas, como a memoria, o razoamento, a lectura e escritura, o cálculo ou a percepción.
O número de prazas dispoñibles é de 22. A inscrición, cun custo de 7 euros para socios do Centro Social e 12 euros para non socios, pode formalizarse na cafetería do centro en horario de tarde.
O concelleiro Xosé Manuel Fernández destacou que se trata dunha das actividades máis consolidadas no municipio, xa que “favorece un envellecemento activo e serve ademais como punto de encontro para socializar e crear vínculos entre a veciñanza”.