Os obradoiros de cociña de outono do Concello de Monforte comezaron en Santa Mariña e A Penela

RibeiraSacraXa
Os obradoiros, conducidos por un cociñeiro profesional en formato ‘showcooking’, percorrerán proximamente os locais sociais de varias parroquias monfortinas
obradoiro-cociña-monforte
24 Nov 2025

As parroquias de Santa Mariña e A Penela acolleron este fin de semana as primeiras xornadas dos obradoiros culinarios centrados en produtos de tempada que se desenvolven en diferentes puntos do municipio. A actividade forma parte dun programa que visitará varios locais sociais e que ten como finalidade poñer en valor os recursos gastronómicos do outono.

Os obradoiros, guiados por un cociñeiro profesional en formato ‘showcooking’, contaron coa presenza do concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada. Durante as sesións, amosáronse diversas técnicas para preparar pratos con ingredientes como cogomelos, castañas e outros sabores propios da época, que os asistentes puideron degustar ao rematar.

Esta iniciativa, financiada polo Concello de Monforte e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, ten como obxectivo fomentar a participación veciñal e dinamizar as zonas rurais mediante actividades que poñen en valor a riqueza local.

Cada obradoiro conta cun aforo limitado a 25 persoas, con acceso gratuíto e prazas que se asignan por orde de chegada o día da actividade. Ademais de Santa Mariña e A Penela, o ciclo continuará noutras parroquias como Chao do Fabeiro, Seoane, Distriz e Sindrán, con sesións programadas ata principios de decembro.
As persoas interesadas poden solicitar máis información no Concello a través dos teléfonos 982884775 e 982402501.

⚙ Configurar cookies
0.069191932678223