Os nenos e nenas de Quiroga xa gozan dos Obradoiros de Nadal organizados dende o Concello
Esta semana puxéronse en marcha dende a área de Educación, Infancia e Igualdade, o programa Concilia Quiroga os obradoiros de Nadal para nenos e nenas, co fin de axudar ás familias de Quiroga coa atención dos seus fillos e fillas durante as festas.
Estes obradoiros, que contan con 40 prazas para nenos e nenas de 3 a 10 anos de idade , estarán baixo o coidado de catro monitores coa titulación precisa e a supervisión do Centro de Información á Muller.
Dentro do programa que continuará ata o 4 de xaneiro, inclúense diferentes obradoiros encamiñados todos eles ao Nadal. O primeiro deles levou por título ‘Xogamos co Apalpador’. Os rapaces e rapazas recibían a visita do Apalpador quen lles traía unhas lambetadas e facíase unha foto con eles. Recibiron, ademais, a esperada visita de Papá Noel, que chegou desde Laponia para recibir as cartas e peticións dos cativos e cativas que participaron desta actividade.
Este xoves, 26 de decembro, ao igual que o 2 de xaneiro, entre as 11.00 e as 13.30 horas, o obradoiro centrarase na decoración de Nadal. Mañá, venres 27 de decembro, haberá un obradoiro de experimentos de Nadal no mesmo horario.
Pola súa banda, o 30 de decembro, haberá un obradoiro de instrumentos musicais. Para rematar, os días 3 e 4 de xaneiro haberá unha festa de Nadal que celebrará entre as 16.00 e as 20.00 horas e na que os cativos poderán gozar de inchables para rematar as vacacións.