Os nenos e nenas de Quiroga tiveron un fin de campamento cheo de música
O Concello de Quiroga desenvolveu durante os meses de xullo e agosto os campamentos de verán grazas a unha subvención do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia solicitada polo CIM.
Esta subvención permitiu, que ademais dos voluntarios, se contara con mozos e mozas contratados aos que se lles esixiu titulación relacionada co traballo que ían desenvolver.
Foron moitas e variadas as actividades que durante estes dous meses se levaron a cabo nos campamentos nos que chegaron a participar máis dun cento de nenos e nenas, tanto deste Concello como rapaces que estaban a pasar as vacacións estivais no noso municipio.
Contouse con talleres sobre a igualdade impartidos pola psicóloga do CIM Esther Mariño, visitaron os nosos museos para coñecer máis de preto a historia, cultura e tradición da nosa fermosa vila,fixeron un percorrido polos murais, recibiron a visita dos corpos de seguridade, obradoiros de cómic e debuxo, manualidades e ata decoraron unhas fermosas macetas con flores para agasallar as súas familias.
A festa de despedida que lle tiñan preparada comezaba cunha animación infantil a cargo da compañía ANIMAR-T, nas instalacións do pavillón municipal onde fixeron bailar e cantar os nenos e nenas pero tamén os seus monitores. Pero a gran festa desenvolveuse nas inmediacións do Auditorio Municipal, que comezaba con música en directo a cargo do grupo de música local, Mario Colomán & The Clocks Band.
A xornada festiva continuou cunha merecida merenda a base de larpeiradas, para dar paso a participación conxunta en xincanas, xogos populares, globoflexia, pintacaras, entrega de medallas e diplomas como recordo duns divertidos e interesantes campamentos de verán.
Ata alí tamén se achegaron os responsables municipais, o alcalde de Quiroga, José Luís Rivera Castro e o concelleiro de Xuventude, Luís Manuel Arias González.