Os nenos e nenas de Quiroga gozaron dunha gran festa infantil para festexar o Samaín
Os nenos e nenas da comarca de Quiroga gozaron na tarde do pasado xoves, 31 de outubro, dunha divertida tarde de Samaín organizada polo Concello de Quiroga desde a área de Infancia.
A festa comezou sobre as seis da tarde nas instalacións do Centro Social, onde pouco a pouco ían chegando ataviados con diferentes disfraces e temáticas. Cabazas, noivas zombies, catrinas, pantasmas, esqueletos e un sinfin de terroríficas vestimentas. Ata alí tamén se quixo achegar a Concelleira responsable da área de Infancia, Maite Pérez Grao.
Antes do comezo da festa Angeles Goas, sentou a grandes e pequenos para contarlles un entretido contacontos, que levaba por título “Caldo con unto e osos de defunto!".Deseguido os nenos e nenas deron boa conta dunha saborosa merenda a base de bocadillos e larpeiradas. A música desta actividade infantil, correu a cargo do DJ local Michel.