Os nenos e nenas de Monforte teñen unha cita co teatro este venres

RibeiraSacraXa
A compañía Títeres Cachirulo presentará a súa función “O ladrón de xoguetes” na Casa da Cultura
teatro-monforte
26 Dec 2025

Os nenos e nenas de Monforte teñen este Nadal unha cita co teatro e a música na Casa da Cultura, dentro do programa de actividades organizado polo Concello con motivo das Festas do Nadal. Trátase dun ciclo de espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar, todos eles con entrada libre e gratuíta.

O programa botou a andar o pasado martes 23 de decembro coa representación de “Nadal en prácticas”, da compañía Lalá Teatro. A función, en formato de contacontos interactivo, fixo gozar á rapazada cunha historia participativa na que pequenos e maiores axudaron a Nolitas, unha elfa moi especial que afronta a súa proba final para converterse oficialmente en Elfa do Nadal.

A seguinte cita ten lugar hoxe, venres 26 de decembro, ás 18.00 horas, tamén na Casa da Cultura. A compañía Títeres Cachirulo presenta “O ladrón de xoguetes”, unha divertida aventura protagonizada polo Apalpador e os seus amigos, que deberán impedir que o malvado ladrón Pasmón roube os xoguetes dos nenos e nenas.

O ciclo pecharase o martes 30 de decembro, ás 18.00 horas, co espectáculo infantil e familiar “A fantasía do Nadal”, de María Faltri. Baixo a palabra máxica “Abracadabra”, o público será convidado a entrar nun mundo onde todo é posible, cheo de personaxes entrañables e momentos de luz. María Faltri estará acompañada por Reyner Aldana, á guitarra, coros e percusións, para crear unha atmosfera musical e máxica.

Con esta programación, o Concello de Monforte aposta por ofrecer propostas culturais de calidade para o público máis novo durante as festas do Nadal, favorecendo o lecer en familia e o acceso gratuíto á cultura.

⚙ Configurar cookies
0.076892852783203