Os nenos e nenas do CEIP da Pobra do Brollón conmemoraron o 8M cun obradoiro sobre igualdade

Este venres, A Pobra do Brollón conmemorou o 8M cunha concentración e a lectura dun manifesto pola igualdade fronte á casa do Concello, co obxectivo de reivindicar a igualdade de xénero en todos os espazos da vida política e social. A encargada de ler o manifesto foi a concelleira de Igualdade, Noelia Besteiro.
O acto contou tamén coa colaboración dos nenos e nenas do CEIP da Pobra do Brollón, que deseñaron imáns que foron repartidos entre os presentes no acto. Ademais, a rapazada do colexio participou no obradoiro 'Conectando en igualdade', a cargo da educadora social Paula Santos, no que dedicaron tarxetas e debuxos ás mulleres máis importantes das súas vidas.
Con accións como as deste venres “dende o Concello da Pobra do Brollón queremos reafirmar o compromiso cos dereitos das mulleres e as nenas” sinalou Besteiro, para que “sexan elas as protagonistas do seu presente, para que sexamos nós as protagonistas do noso presente. As protagonistas da nosa felicidade", concluíu a concelleira.