Os nenos da 2ª quincena do Programa Deportivo de Verán do Concello de Monforte recibiron os seus diplomas

RibeiraSacraXa
Durante o acto, os participantes da segunda quincena renderon unha pequena homenaxe de despedida a sete compañeiros que alcanzaron a idade máxima permitida para participar no programa
campamento-monforte-2025
1 Aug 2025

Os nenos e nenas que participaron na segunda quincena do Campamento Deportivo de Verán do Concello de Monforte recibiron esta mañá os seus diplomas acreditativos nun acto celebrado no Pavillón Municipal da Pinguela.
Os encargados da entrega foron os concelleiros José Manuel Mougán, responsable da área de Deportes, e José Luis Losada, concelleiro de Medio Ambiente, Medio Rural, Obras e Servizos.

O programa municipal, que se desenvolve ao longo de tres quincenas entre o 1 de xullo e o 14 de agosto, está dirixido a rapaces e rapazas de entre 5 e 12 anos co obxectivo de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións escolares.

Cada quenda conta con 120 prazas, repartidas en 12 grupos con ratios de 10 nenos ou nenas por monitor ou monitora. Durante o acto, os participantes da segunda quincena renderon unha pequena homenaxe de despedida a sete compañeiros que alcanzaron a idade máxima permitida para participar no programa. Os monitores definiron a este grupo como “exemplar pola súa actitude e comportamento”.

O alcalde, José Tomé, valorou positivamente o esforzo organizativo por parte do Concello para esta edición de 2025 dos campamentos. “Dende o Concello, facemos un esforzo moi importante para poder manter a celebración destas actividades de verán, nas que ofertamos un total de 822 prazas, que é o número máis alto dos últimos anos dende que no 2024 se aumentaran 8 prazas mais que nos anos anteriores”, sinalou.

Así mesmo, destacou o propósito principal destas actividades, que teñen como obxectivo “facilitar a conciliación das familias no período de vacacións escolares, e, sobre todo, para que os nenos e nenas de Monforte, poidan desfrutar das súas vacacións practicando as actividades que máis lles gustan”.

A terceira e última quincena do campamento xa está en marcha e prolongarase ata o 14 de agosto, mantendo a mesma oferta de 120 prazas.

⚙ Configurar cookies
0.15862011909485