Os museos da provincia celebrarán o Día de Rosalía con diferentes actividades

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Durante toda a xornada e como xa vén sendo habitual agasallarán ás visitas cun caravel e unha lámina conmemorativa, unha creación da deseñadora e ilustradora Rocío Fernández Paz
Mural-Rosalía-de-Castro-Recatelo
12 Feb 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa unha ampla programación cultural coincidindo co Día de Rosalía, que se celebra coincidindo co aniversario do seu nacemento.

A axenda de actividades na que conflúen a música, ilustración e muralismo ten como data central o 23 de febreiro co festival As literatas para Rosalía de Castro, con actuacións de Diego Flaneur e Carabela, e un reparto de láminas conmemorativas nos museos provinciais, e continuará ao longo do ano coa realización de murais homenaxe en diferentes espazos públicos da provincia.

A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “se trata dunha programación pensada para achegar a figura e a obra de Rosalía de Castro a toda a cidadanía desde unha perspectiva actual, reivindicando o seu papel como referente cultural e feminista”. Nese contexto, encadrou a aposta en “voces emerxentes e talento feminino á hora de definir as distintas actividades propostas”.

A área de Cultura organiza por terceiro ano consecutivo a xornada musical As literatas para Rosalía de Castro, que reunirá ao artista lugués Diego Flaneur e á banda Carabela arredor da poesía de Rosalía.

Diego Flâneur presentará Nebra Pecha, coincidindo co aniversario do álbum, unha obra marcada pola súa vinculacióncon ecos de autores como Uxío Novoneyra ou Lois Pereiro. O grupo Carabela, considerado unha das grandes revelacións da nova música galega, pechará a xornada cun suxerente directo no que cada tema se converte nun espazo habitado, propoñendo unha experiencia íntima e sensorial.

Os concertos completaranse cunha colaboración inédita entre Diego Flâneur e Carabela, na que musicarán versos da propia Rosalía de Castro. As actuacións, gratuítas e con entrada libre até completar a capacidade do local, serán o luns 23, a partir das 20.00 horas, na Capela de Santa María.

Caraveis e láminas na Rede Museística

Durante toda a xornada e como xa vén sendo habitual, os catro museos da Rede Museística Provincial – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e o Fortaleza de San Paio de Narla- agasallarán ás visitas cun caravel e unha lámina conmemorativa do Día de Rosalía, unha creación da deseñadora e ilustradora Rocío Fernández Paz inspirada no poema Sin niño da obra Follas Novas.

O muralismo terá un ano máis o seu lugar nesta programación cultural. Carlota Salgado, Noelia Aragundi e Sandra Lodi realizarán murais homenaxe á autora en distintos espazos públicos, atendendo ás peticións de asociacións e centros escolares. En total, realizaranse oito intervencións artísticas, pensadas para visibilizar e socializar a figura de Rosalía como referente cultural e feminista.

A área de Cultura tamén apoio a itinerancia pola provincia da exposición Rosalía. Proclamar ao mundo que Galiza existe, unha mostra con textos de Francisco Rodríguez e debuxos de Pepe Carreiro, que afonda no contexto histórico en que Rosalía de Castro desenvolveu a súa obra e a orientación e vixencia da súa produción literaria. A mostra permanece exposta no Auditorio Municipal de Vilalba ata o 27 de febreiro.

⚙ Configurar cookies
0.07663106918335