Os incendios deixan sen auga a Manzaneda

O Concello de Manzaneda informa de que continúa a situación de dificultade no subministro de auga no núcleo da vila, a pesar do transvaso realizado durante este luns de 30.000 litros ao depósito municipal. O nivel do tanque, explican, segue sen acadar o volume adecuado.
Segundo indicou o goberno local, persoal municipal revisou arquetas e realizou empates de urxencia en varios tramos da rede. Ademais, grupos de voluntariado están a achegar garrafas e botellas de auga embotellada, que estarán dispoñibles esta pola mañá para a veciñanza. As persoas maiores ou con maiores necesidades recibirán a auga a través de Protección Civil.
O Concello informa de que durante o día de hoxe desprazarase a Manzaneda persoal técnico de AquaOurense, equipado para localizar posibles fugas ou avarías dende o tanque ata o subministro domiciliario. Así mesmo, seguiranse facendo transvasos de auga ao depósito e inspeccións para identificar as incidencias que impiden manter o nivel.
Como medida inmediata, o depósito de Manzaneda permaneceu pechado este luns entre as 21:00 e as 08:00 horas co obxectivo de recuperar presión e nivel suficiente no sistema, ao tempo que se continúa co transvaso de auga.