Os equipos de fútbol prepáranse para o segundo asalto á liga de volta á normalidade
A liga 2022-23 reanudarase a próxima fin de semana tras un descanso de tres semanas, algo máis nas categorías máis elevadas e tamén noutras, que esperarán ata a fin de semana do 14-15 para volver saír ao verde.
Esta primeira fase trouxo un pouco de todo aos distintos equipos da provincia. O mellor situado nas categorías sénior, o Lugo, que milita na Segunda División, marchou ao descanso na parte baixa da táboa, no posto 19 e moi preto da zona de descenso. Retomará a competición este venres 6 de xaneiro, en Leganés.
Tampouco foi moi boa a tempada para o Polvorín no seu debut na Segunda B. O equipo luigués sumaou 11 puntos en 15 xornadas trala disputa de 15 duelos, nos que gañou en dúas ocasións, empatou en 5 e perdeu en 8.
Con 7 vitorias, seis empates e 1 derrota o Vilalbés marchou de vacacións en Terceira no posto de prata da competición e con aspiracións unha vez máis a xogar o ascenso, polo que leva pelexando xa varias tempadas.
No mesmo grupo está o Viveiro, na zona media da táboa, só 9 puntos por debaixo, con 5 vitorias, 3 empates e 6 derrotas.
En Preferente a Sarriana é o mellor situado de todos, na segunda posición e a 6 puntos do líder. Sumou 11 vitorias polo momento, 1 empate e 4 derrotas.
Once puntos por baixo, na décima praza, o Residencia pechou este primeiro ciclo de Liga con 6 vitorias e 5 empates, os mesmos que derrotas. O Ribadeo está na posición 13, tamén con 6 vitoias pero neste caso con 8 derrotas e 2 empates.
Tres equipos máis están na parte baixa, loitando por conservar a categoría, o CD As Pontes, que cambiou de adestrador, ocupa a posición 16 con só 3 vitorias en 16 encontros. O Lemos está na mesma situación aínda que cunha vitoria máis pero con máis derrotas.
O debutante Portomarín pagou caro o ascenso, xa que colleitou só 6 puntos dunha vitoria e tres empates.
Xa nas competicións de afeccionados, o Pol lidera a táboa de Primeira con 12 vitorias de 16 partidos e unha única derrota. Ao equipo polense escapóuselle o ano pasado o ascenso pero este ano ten claras as ideas.
Na Segunda, o Meira está comodamente asentado no liderado do grupo Norte, con 33 puntos, 4 máis que o segundo, posto que ocupa o Folgueiro, que xunto con Cospeito, Muimenta e Iberia están en postos para disputar os play off de ascenso. A parte negativa está para o Goiriz, que pecha a lista.
No Sur, a situación está máis apertada. O Friol lidera con 2 puntos de vantaxe, 10 vitorias, 2 empates e 2 derrotas. Os postos de play off son para Guntín, Ferreira, Oural e Becerreá e o de descenso para o Carballedo.
En Terceira, o Vilalbés B, que vén de crearse, ocupa o liderado con ampla vantaxe de 6 puntos e ten a promoción na súa man. No posto de prata está o Catro Roldas, tamén en posto de promoción. Para os play off están Abadín, Mondoñedo, Nuevo Nausti e Friol B.
No Sur, as dúas primeiras prazas son para Quiroga e Palas, mentres que os play off están ocupados polo de agora por O Incio, Rubián, Castroverde e Santa Comba.
Nas ligas femininas o Friol ocupa a posición 15, a penúltima no seu grupo de Segunda División tras unha dura tempada na que só se levaron dúas vitorias.
En Primeira Galicia o Lugo está a facer una espectacular tempada. Ocupa a terceira praza, dentro do grupo de ascenso. O Antas, pola contra, sancionado por un partido, segue co casilleiro a 0 malia ter gañado un único partido. Está a pasarlle factura o escaso do banco.
Na Segunda Galega, o Friol B só coñece a vitoria polo momento como líder absoluto do grupo onde están incluídos todos os equipos da provincia. Nos outros catro postos para a promoción de ascenso están os lugueses San Lázaro, Chantada e San Roque. Co Carballedo na sexta praza, que podería participar tamén no ascenso na segunda fase. Monte Forte, que empezou moi ben pero caeu posicións, e Milagrosa sobreviven na parte monra da táboa e a Comercial, escasa de efectivos, pecha o grupo.
FÚTBOL BASE NACIONAL E GALEGO
Nas categorías nacionais, o Lugo A, na División de Honra xuvenil, está quinto tras outro gran inicio de tempada. O B está na parte morna, mellorando día a día pero nunha zona perigosa, aínda que os últimos resultados apuntan un bo traballo.
Os equipos do Lugo das máximas categorías cadete e infantil, teñen resultados dipares. Os maiores están sétimos mentres os máis pequenos están nunha discreta posicion 13 de 16 equipos. O cadete do Viveiro, que debutou este ano, está con resultados castigadores e segue no fondo da táboa.
Nas categorías galegas, o Viveiro xuvenil está sétimo, seguido do Vilalbés, que queda na posición 11. O Residencia ocupa a 13, o Milagrosa a 15 e o Ribadeo pecha a lista no posto 20 cunha única vitoria.
Na cadete o Lugo B é o mellor da provincia e xa está cuarto mentres que Milagrosa e Viveiro están na parte baixa. O Calasancio, no grupo do sur, ocupa a novena parza. Ten as mesmas vitorias que derrotas (8) e 1 empate.
Tres equipos representan á provincia na infantil. Viveiro e Vilalbés ocupan o medio, prazas 8 e 9 respectivamente. O Residencia está 13 dos 16 que hai.
Nos grupos femininos o Milagrosa e o Friol cadetes pechan a lista de equipos na clasificación e as albivermellas infantís ocupan xa a cuarta praza.
Nas ligas provinciais, o Piringalla, Sarriana, Foz e Becerreá ocupan as catro prazas que disputarán os play off de ascenso ás galegas na categoría xuvenil.
Vilalbés e Pontenova no norte e Residencia e Corgo no sur posiciónanse na cadete mentres na infantil as codiciadas prazas están ocupadas por Lugo B, Burela, Polvorín e Piringalla.
Os equipos da zona sur da provincia inician a segunda fase en xaneiro co Calasancio e o Monforte xuvenís e o Chantada cadete no grupo que pelexará polo título.
Os infantís, que só teñen unha fase seguen a competición dende a zona media da táboa, co Chantada como o mellor colocado, na sétima praza pero moi lonxe xa dos postos de plan off.