Os encontros 'Marida Maio' celebraranse todos os xoves deste mes no Centro do Viño

RibeiraSacraXa
A iniciativa, organizada pola APEHL, foi presentada nun acto no que tamén participou a Deputación de Lugo e o Concello de Monforte
Marida-Maio-Ribeira-Sacra-APEHL
17 Maio 2024

A iniciativa 'Marida Maio', organizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) foi presentada nun acto no que tamén participou a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto.

A Deputación de Lugo impulsa estes encontros gratuítos que se celebran todos os xoves deste mes á tardiña no Centro do Viño da Ribeira Sacra, na cidade do Cabe.

A institución provincial enmarca esta iniciativa no acordo polo que aporta 40.000 euros á asociación para a posta en marcha de iniciativas e accións formativas para hostaleiros da provincia.

García Porto destacou que “a Ribeira Sacra é un tesouro que debemos preservar e promover, non só polo seu valor paisaxístico, senón tamén polo seu rico patrimonio gastronómico e vitivinícola. Temos diante de nós unha oportunidade única para destacar os nosos viños, os nosos alimentos e todo o noso saber facer”.

Neste sentido, afirmou, “é crucial apostar polo turismo sostible porque debemos garantir que o crecemento económico vaia de man coa conservación do noso medio ambiente e o noso patrimonio cultural. Na Deputación temos clara a nosa política turística: turismo de calidade, sostible, de proximidade e non masificado”.

A deputada aproveitou para invitar aos monfortinos e a todos os lucenses “a desfrutar dos produtos locais e apoiar aos nosos produtores. Temos viños que son verdadeiras obras de arte, como os que hoxe podemos degustar aquí, e alimentos que nos lembran a tradición e a historia desta terra”.

Marida Maio arrancou coa presentación dos viños das bodegas Val do Frade e Cruceiro, o bo facer do restaurante monfortino Manuel Bistró e a Fundación Belarmino Fernández Iglesias de Sober. Para próximas xornadas, que serán os días 23 e 30 de maio de 19.30 a 21.00 horas, participarán outras bodegas, restaurantes e empresas turísticas para dar a coñecer os seus produtos e servizos.

Apoio do Concello de Monforte

A tenente de alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, quixo agradecer e poñer en valor o traballo que a APEHL está a facer coa creación desta iniciativa, “unhas xornadas etnogastroturísticas que se traducirán nun impulso económico para Monforte e para a Ribeira Sacra. En concreto, ensalzarán a calidade dos nosos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, así como da oferta gastronómica dos nosos establecementos hostaleiros”.

Neste senso, a representante municipal reafirmou o compromiso do Equipo de Goberno en seguir apoiando iniciativas coma esta, “que contribúan á dinamización da nosa hostalería na nosa cidade e na comarca, que sexan un reclamo para que a xente se anime a visitar Monforte e a Ribeira Sacra”.

Prada rematou a súa intervención felicitando aos organizadores do Marida Maio, e desexándolles “que as xornadas sexa todo un éxito, como o son outras iniciativas que organiza a Asociación, como o Cume Tapas ou o Estase Cocendo”. E animou a todo o mundo a participar destas xornadas “porque creo que son unha oportunidade excepcional para coñecer e disfrutar dos nosos produtos gastronómicos e turísticos”.

0.21122598648071