Os deputados populares por Lugo elaboran a folla de ruta para a nova lexislatura

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Os deputados no Congreso -Francisco Conde, Jaime de Olano e Cristina Abades- perfilaron na primeira reunión de traballo, unha vez que a dirección nacional lles asignou as responsabilidades dentro do Grupo Parlamentario, a folla de ruta a seguir en beneficio da provincia.
deputados pp congreso madrid
6 Dec 2023

Os deputados no Congreso -Francisco Conde, Jaime de Olano e Cristina Abades- perfilaron na primeira reunión de traballo, unha vez que a dirección nacional lles asignou as responsabilidades dentro do Grupo Parlamentario, a folla de ruta a seguir en beneficio da provincia. Deste xeito, como primeira medida, acordaron incorporar ao seu cronograma de actuacións as propostas da Comisión Permanente da Federación de Veciños Lucus Augusti, co fin, din, de “seguir sendo o altavoz” dos lucenses e de que o Goberno de Pedro Sánchez corrixa as débedas que acumula coa provincia, e que xiran en torno ás infraestruturas e ao desenvolvemento industrial, económico e empresarial.

Así, os representante lucenses, na carta que remitiron ao colectivo, xunto aos senadores lucenses, detallan que, tal e como fixeron en cada un dos Orzamentos que presentou o Executivo socialista, seguirán apostando polas principais necesidades que ten Lugo. “Esa é a nosa responsabilidade e o noso compromiso cos lucenses”, advirten.

AVE E AUTOVÍAS

Insistirán así, na importancia de que o AVE chegue a Lugo e, en consecuencia, na planificación presupostaria das variantes dos Peares-Canabal e Rubián que estaban comprometidas por parte do Goberno e que nestes momentos están paralizadas; en que se inclúan fondos para acometer de forma inmediata as tan necesarias obras de mellora da A-6, a autovía A-74 e a restitución do trazado orixinal da N-642. Tamén velarán para que o Goberno inclúa as partidas que garantan o desenvolvemento dun plan de mellora da N-120, así como os recursos necesarios para a execución do terceiro carril entre A Guítara e Ourense.

A INDUSTRIA, UNHA PRIORIDADE

Para os populares mención especial merece a industria. De xeito moi concreto explican que o Executivo ten que facer unha clara aposta neste senso para asegurar que Alcoa dispoña dun marco eléctrico necesario para garantir en igualdade de condicións con outros países europeos. Trátase, din, “de apoiar aos traballadores e ás familias, así como toda a comarca da Mariña, sobre todo, unha vez que coñecemos que a empresa decidiu aprazar unha obra clave no futuro de Aluminio pola situación financeira”.

Seguirán reivindicando tamén o asentamento de Altri, en Palas de Rei; "un proxecto que cumpre todos os criterios establecidos pola propia Unión Europea e o Goberno de España no Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia e que está pendente de que se poida concretar por parte do Executivo a dotación de fondos europeos aos que pode optar"; que o proxecto de hidróxeno verde Guitiriz-Zamora no quede fóra dos fondos europeos; ou que o SEPE introduza unha bonificación do 50% nos parques que dependen desta Sociedade, ao igual que xa está a facer a Xunta de Galicia cos polígonos empresariais que son da súa competencia.

O encontro de traballo produciuse tan só unhas horas despois logo de que a dirección nacional de Alberto Núñez Feijóo fixese pública as novas responsabilidades do Grupo Parlamentario Popular do Congreso. Nestes momentos, no caso dos tres representantes lucenses son as seguintes:

Francisco Conde: voceiro de Industria, a Comisión de Industria e Turismo; Jaime de Olano: voceiro de Economía, na Comisión de Economía, Comercio e Transformación Dixital, ademais de vicevoceiro do Grupo Parlamentario Popular na Cámara Baixa; e Cristina Abades: voceira de Infancia, na Comisión de Xuventude e Infancia.

0.14856195449829